top of page

Falso Amor

Falso Amor é o nome da última canción do álbum O Espertar, de Cabodano, un grupo de metal de Sigüeiro. Falso amor serve para falar das dificultades as que se enfrontan día a día as bandas musicais. Hai unha frase que os grupos repiten constantemente que é: "Este mundo é moi difícil". 

A PANDEMIA: TRES ANOS DETIDOS

A pandemia foi un dos momentos máis difíciles para algúns dos grupos, de feito moitos deles aínda sofren as consecuencias. Noxo viña de facer moitos concertos en 2019 e principios do 2020 e a pandemia "cortounos moi en seco, tiñamos moitos plans e quitounos todos", pero tamén foi un apoio pois "o ano seguinte non podíamos tocar en directo e enfocámonoss en facer o disco", un disco chamado Harmónica Axitación Musical que sen dúbida tivo éxito, pois o merchandising de Noxo está practicamente esgotado, de feito, tiveron que repoñer. 

Merch Noxo.jpeg

O merchandising de Noxo: unha camiseta, un pin, unha pegatina e un disco. 

Cedida por Noxo. 

Para The Skarnivals a pandemia tamén foi un golpe de mal gusto: “A pandemia foi moi mal porque nos colleu de pleno, cando arrancamos Do Revés, comezamos a xira e á semana seguinte tivemos que parar". Pero como o propio Iago di, agora comezou unha nova etapa para presentar o seu disco Latexos. 

Pants Off tamén aproveitou a pandemia para facer un disco. "Gravamos un par de temas na casa e despois fixemos o EP", comenta Rocky, voz da banda. Porén, Cabodano sufriu as consecuencias da pandemia de peor xeito, tiñan moitos concertos que tiveron que suspender e como eles mesmos declaran, "freounos". 

Pero, como foi a experiencia coa Covid-19 de Grilo, Liska e Arrhythmia?

Imaxe da xira de The Skarnivals en Santiago de Compostela. Elsa Blanco.

Cartel anunciando o concerto de The Skarnivals na súa xira en Santiago de Compostela.

Elsa Blanco. 

Galería de Vídeos: 

Escolle o vídeo que desexas ver. En cada unha destas tres bandas explícase a súa experiencia coa Covid-19.

O caso máis especial é o de Marela, este grupo naceu practicamente durante a época na que todos estabamos na casa e o seu disco Os Inicios veu a luz grazas a un concurso que realizou o Concello de Silleda e Xonix Records nomeado Son de Silleda: "Xurdiu co concello porque na pandemia os músicos non podían tocar e tampouco podían gravar nada, non tiñan cartos e chegamos ao acordo de gravalos e que o grupo aportase o mínimo", explica Lolo Arincón da produtora. Houbo un total de 15 participantes e gañaron tres. Porén, Xonix xa participou no desenvolvemento de máis concursos como Son da Empanada onde o gañador gravaba tres cancións con eles e tamén o publicaban. 

UNHA DIFICULTADE ENGADIDA: OS GASTOS DE FACER DISCOS EN FÍSICO

Actualmente a xente xa non consume a música en físico e quen o fai é polo fetiche ou por decoración. A maioría dos grupos arríscanse a levar a cabo este gasto, algúns como Noxo sáelles ben, outros como Cabodano optan por sacar unha cinta USB e manter a orixinalidade para que poida ter un atractivo especial para a xente. Non obstante, outros grupos xa deixaron isto atrás, como é o caso de Pants Off que decidiu deixar de sacar máis material en físico polo momento. 

Román Terceiro conta a experiencia e a razón pola que deixaron de realizar os discos en físico. 

Letras O Espertar Cabodano Vectorizado_page-0001.jpg
Letras O Espertar Cabodano Vectorizado_page-0002.jpg

Folleto da cinta de O Espertar de Cabodano coas letras de cada canción e unha explicación sobre o disco e o grupo.

products-158.jpg

A cinta USB de Cabodano. 

Cedida por Cabodano. 

Marela tomou a mesma decisión que Pants Off. A dficultade máis grande para as bandas ao nacer é o factor económico, pois teñen gastos que asumir e un disco de música é un custo a maiores, "hoxe en día non se venden" declaran os compoñentes de Marela. "O disco a día de hoxe é algo moi simbólico para a prensa, está guai ter discos en físico polo romanticismo", declara Pablo Rey, batería da banda "pero non era un gasto no que nos podíamos meter". 

Videoclip da canción Dereitos ó Inferno de Cabodano. Dirixido, producido e realizado por eles mesmos.

Os Festivais

Os festivais son un lugar onde conflúen diversos estilos de música, bandas e persoas. Un lugar onde se coleccionan momentos e historias. É un espazo onde a música toma o papel de protagonista, un tipo de evento que actualmente  está en auxe. Porén, en Galicia atopamos festivais con diversas filosofías: os macrofestivais, que traen a artistas internacionais e nacionais e algúns grupos galegos; e os festivais asociativos, que, en xeral, a súa filosofía abárcase no apoio aos grupos máis locais.

Moitos das bandas entrevistadas pasan o verán de festival en festival, por Galicia adiante: “A oferta en Galicia de festivais é moita” comenta Sito, voz e guitarra de Noxo.

Non obstante, este tipo de acontecementos teñen unha parte boa e unha mala para os grupos galegos. “Un festival vai moi ben porque compartes cartel con xente que está noutro nivel e vas ter un público que nunha sala non tes. O malo é que os macrofestivais pagan moi pouco aos grupos locais” comenta Pablo Rey, batería de Marela e organizador do Murallón de Son, un pequeno festival en A Bandeira.  Decidir se ir ou non a tocar a un festival grande é un tema moral no que se atopan moitos grupos: “a nós dinnos de tocar no Resurrection Fest e imos correndo aínda que sexa no escenario pequeno ás catro da tarde”, declara Pablo. 

Fernando Vázquez, presidente da Asociación Cultural O Castañazo, cre principalmente que os festivais axudan ás bandas e artistas: "Axudan porque é o espazo principal no que eles poden desenvolver a súa arte”. Aínda así, declara que moitos festivais aprovéitanse dos artistas. “Hai moita deshumanización nisto, pero é unha das principais plataformas de difusión”. O presidente declara que persoalmente lle gustan máis os festivais pequenos "porque tratan mellor ás persoas". Ademais, Fernando recorda unha anécdota cunha banda, que non quixo desvelar, na que desde a organización do Castañazo lle ofreceron un prezo mínimo para pagarlles  e o grupo sorprendeuse porque lles ían pagr. Así, o presidente recalca: “Eles están traballando, están ofrecendo o seu tempo e a súa arte”.

 

Os dous coinciden en que organizar un festival ten moitas dificultades pero a principal é a económica: “É un tipo de proxecto no que non é fácil atopar apoio económico”, declara Pablo. A maioría dos festivais pequenos en Galicia son asociacións que necesitan o apoio dos concellos e das demais administracións públicas. Outra dificultade que atopan son os estilos de música: “somos músicas máis underground e hai moita xente que non escoita esta música e, ademais, temos a ideoloxía moi marcada”, destaca o organizador do festival de A Bandeira. 

 

O Murallón de Son naceu en 2022 e é un festival de balde: “O festival foi financiado por nós mesmos a base de facer camisetas ou diferentes métodos de merchandising, as axudas da Xunta e do Concello e", reitera, "nós mesmos”.

Fernando Vázquez coincide con que o maior problema é o económico, pero o seu festival cada vez ten máis axudas a nivel privado. “Temos que buscarnos moito as castañas” expón, “pero cada vez as empresas locais implícanse máis”. 

Publicacións das contas oficiais dos festivais Murallón de Son e O Castañazo. 

CAL É A FILOSOFÍA DESTES FESTIVAIS?

Pablo comenta que a súa filosofía é facer música “e que veña a música que nos guste a nós”. Non só levan grupos que fagan música en galego xa que, como di, se hai algún grupo que canta en castelán e lle gusta aos organizadores vano intentar pero “grupos galegos e que canten en galego vai haber sempre. Se cantas en castelán non imos prohibirche vir, pero nós promovemos o uso do galego". "Eu creo que os festivais que van perdurar e que sempre van estar son os asociativos que se fan con cariño, con amor e con xente que lle gusta organizalo", recalca o organizador do Murallón de Son.

Creo que os festivais que van perdurar e que sempre van estar son os asociativos que se fan con cariño, con amor e con xente que lles gusta organizalo.
Pablo Rey, organizador do Murallón de Son.

"

O Castañazo naceu no ano 1992 en Chantada. Este festival realízase a finais de outubro ou principios de novembro “é o noso selo de identidade, un dos festivais referentes do inverno en Galicia” declara Fernando. Teñen un requisito chave para apoiar á cultura local “nós intentamos que a metade do cartel sexa en galego como mínimo, son doce bandas e seis son galegas e, a poder ser, que canten na lingua”.

No ano 1996 o festival tivo que parar e foi no 2007 cando volveu de mans da Asociación Cultural O Castañazo, a mesma que o realiza a día de hoxe “temos moitas bandas en galego para seguir coa tradición”, comenta o presidente. “Nós queremos facer tecido cultural, enriquecer o panorama cultural de Galicia, que a nosa vila e a nosa provincia sexa un elemento musical de referencia nunha época complicada”, é dicir, no outono, "nós pretendemos que o festival sirva de inspiración para calquera tipo de expresión relacionada con manter viva a cultura da zona". Outro dos seus obxectivos chave é que vaia de xeración en xeración “que haxa relevo e o pobo siga estando vivo”.

Nós pretendemos que o festival sirva de inspiración para calquera tipo de expresión relacionada con manter viva a cultura da zona.
Fernando Vázquez, presidente de O Castañazo.

"

AGOSTO (8).png

Cartel dos festivais que podemos atopar en Galicia con maior número de grupos galegos neste 2023

Son moitos os "falsos amores" aos que se enfrontaron e se enfrontan a día de hoxe os grupos de música: a pandemia, a perda de vendas do material en físico, os malos pagos dos festivais... pero tamén son moitas as solucións polas que optaron.  

Queres compartir os grupos que coñeces con nós?

bottom of page