top of page

Os Inicios

Os Inicios é o nome co que o grupo de música Marela estreou o seu primeiro álbum. A Real Academia Galega define o inicio como o primeiro momento dunha acción ou da existencia de algo. Marela utilizouno para contar a súa historia na canción co nome homónimo. Como a propia letra di esta banda de rock punk naceu dunha viaxe a Bilbao no ano 2019. 

 

Hai moitos anos que foi o inicio da música, a evidencia de actividade musical máis antiga que se coñece ten 35 mil anos. A música en galego tamén hai moitos anos que naceu, pero sempre se relacionaba co folk tradicional. Porén, nos anos 80 e 90 apareceu a revolución, o rock bravú, que marcou un antes e un despois na historia da comunidade autónoma e, a partir deste momento, atopar grupos de todos os estilos propiamente na lingua converteuse en algo máis común do que semella. Esta etapa deixou claro algo: pódese facer de todo en galego

Liña do tempo: 

Nesta liña podes ver cando naceu cada grupo e a súa historia cun pequeno vídeo dun ou dous minutos. 

"Nacer por casualidade" pode ser o resumo de todos os grupos presentes nesta reportaxe. Grilo e Cabodano naceron a través de coñecidos da música que tiñan ganas de seguir nela, xuntáronse e funcionou. Outros grupos como The Skarnivals comezou de troula e acabou sendo "algo moi especial para nós" comenta Iago Comedeiro, a voz principal da banda. Así, tamén podemos atopar casos especiais como o de Xhamain, que naceu dunha alumna que quería gravar unha canción. Cada grupo ten o seu propio inicio, pero hai algo do que non hai dúbida: a súa esencia é a amizade e sen iso ningún destes proxectos musicais funcionaría. 

 

Para nacer como banda hai que ter moi claro que é o que queres desenvolver, é dicir, en que xénero musical queres fluír e estar conforme con el. Porén, é case imposible enmarcarse nun só estilo, cada persoa ten diferentes referentes e gustos e iso enriquece o resultado final. Nos grupos cun gran número de compoñentes, como pode ser The Skarnivals ou Liska! é máis difícil aínda enmarcarse nun estilo ou nun referente. "Cando conflúen tantas persoas a banda móvese en moitos estilos, introducindo moitas influencias", comenta Alba Moledo, saxo alto e coros de Liska!, unha banda na que actualmente son nove persoas. "É moi divertido compoñer con tantas influencias, pero sen saír dun certo encaixe", aclara. 

Cando conflúen tantas persoas a banda móvese en moitos estilos, introducindo moitas influencias.
Alba Moledo, Liska!.

"

Pants Off naceu na Estrada en 2007 e tiñan moi claros os seus referentes. De feito, o seu nome é unha homenaxe a un disco de Blink-182 Take Off your Pants and Jacket. Outros nomes como Marela ou Noxo nacen por azar, pois eles mesmos declaran: "Estabamos falando por Whatsapp e alguén o dixo". Porén, o nome de Xhamain ten unha historia moi vencellada a Galicia: "son as dúas noites máxicas", conta Mariah Fosado, a cantante, "a X por San Xoán, Amain polo Samaín e a H é a ponte que hai no medio das dúas noites". 

Son as dúas noites máxicas. A X por San Xoán, Amain polo Samaín e a H é a ponte que hai no medio das dúas noites. 
Mariah Fosado, Xhamain.

"

Videoclip da canción Soño de Inverno de Xhamain

A Formación

Comezar na música é unha decisión difícil. Ás veces o capricho é máis forte que o coñecemento e así naceron algunhas bandas, como Pants Off que con 17 e 18 anos ían tocar case sen ter nin idea de como facelo: "Abalanzámonos a tocar en directo case sen ensaiar". Os seus veciños, Noxo, tamén da Estrada, teñen unha historia semellante, pois animáronse ao mundo da música sen case saber pero "tocamos cancións que nos gustaban e un pouco máis tarde comezamos a facer as nosas", declara Sito, unha das voces e guitarra deste grupo. 

​

Un caso moi especial é o de Alba Moledo, de Liska! Calquera persoa pensa que para tocar un saxo hai que ter unha longa formación pero non foi o seu caso. Alba iniciouse neste instrumento no instituto con 15 anos. "Comecei porque os profesores de música estaban moi implicados, formaron unha banda de instituto e contaron con alumnos que non tiñamos coñecementos musicais". O avó de Alba é músico e tocaba o clarinete, pero o primeiro instrumento que fixo soar foi o saxo alto, razón pola que Alba escolleu este instrumento de metal. "Sempre me gustou a música e ao ter a oportunidade no instituto apunteime", destaca. Dous anos despois, con tan só 17 anos, chegou a Liska! a través dun anuncio de Facebook e a súa formación foi en aumento. "No grupo hai xente de conservatorio e xente autodidacta", comenta a saxofonista. 

​

Non obstante, outro caso que chama a atención é o de Xan, letrista de Marela, que aprendeu a tocar o baixo polo capricho de querer montar un grupo. Pablo, quen tivo a idea con el, xa tiña o grado profesional de percusión e tocaba na banda de música de A Bandeira. Foi quen animou a Xan a tocar un instrumento e así poder formar o grupo. Neste grupo case todos foron a Rock School, unha escola de música que se atopa en Santiago de Compostela, pero "xa sabíamos tocar e necesitábamos máis coñecementos", é dicir, eran autodidactas e foron completar a súa formación. O mesmo camiño tomou Cabodano, que foron a clase "unha vez atopámonos limitados e quixemos progresar", declaran.

Miguel, o batería de Grilo, nun concerto en La Fábrica de Chocolate en Vigo. 

Cedida por Javier Pereira.

"No instituto ofertaron a posibilidade de que calquera que quixese tocar música o fixera e eu quería."

Alba Moledo,

Liska!

"Somos todos autodidactas. Cando fomos a Rock School xa sabíamos tocar pero necesitábamos máis coñecementos."

Marela

"íamos aos concertos case sen ensaiar e sen saber nada, pero aos meses xa gravamos demos ata 2010."

Rocky

Pants Off

"A maioría somos autodidactas pero fomos a clase unha vez atopámonos limitados e quixemos progresar."

Cabodano

Os inicios de cada unha destas bandas teñen a súa propia historia, os seus camiños xuntáronse por distintas razóns e, en moitos casos, rematar na música foi unha decisión do destino. 

Queres compartir os grupos que coñeces con nós?

bottom of page